Tibet Libre

11.6.08

Entrevista con Xabier P.Docampo



Imos presentar unha entrevista con Xabier P.Docampo. Mestre sen exercer, o seu traballo dinamizador en favor da cultura galega coñeceu diferentes ámbitos de actuación: foi actor de teatro, autor de guións para cine e televisión así como director de diferentes programas de radio; involucrado activamente nos movementos de renovación pedagóxica, é coautor de libros de texto e formou parte do equipo iniciador de "Preescolar na casa"; participou activamente na creación de "Gálix" (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), da que foi presidente e actualmente é membro da Xunta Directiva. É un dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, á que incorporou a milleiros de lectores con éxitos de vendas como O misterio das badaladas ou A chave das noces, así como Cando petan na porta pola noite (Premio Rañolas ao libro infantil e xuvenil do ano 1994, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995, Lista de Honra do IBBY 1996). Ademais, reúne unhas excepcionais condicións de narrador oral que o converten nun eficaz e popular contador de contos.

esbra:Sabemos que acabas de retirarte da docencia, como te atopas na túa situación actual?Botas de menos algo en especial?En que empregas agora o teu tempo?

Xabier:O máis do meu tempo agora dedícoo á literatura:leo, escribo, dou conferencias, escribo artigos... Non boto en falta nada en especial, sempre fun de non ollar para atrás.

esbra:Por que literatura en galego?Houbo algún autor que influíra máis na túa obra?

Xabier:Porque somos unha nación e temos unha lingua propia. A unha lingua correspóndella unha literatura. É coa súa acta de existencia, como o testemuño de sermos. Se entendo a pregunta como dicir ese escritor que teño por modelo, polo que máis disfruto lendo , entón direi que é Álvaro Cunqueiro.

esbra:Que destacarías do teu labor como autor tanto a nivel persoal como profesional?

Xabier:Non son moito de reparar en min. Forma parte do meu camiño para o coñecemento, tanto do mundo coma de min.Non sei vivir sen escribir.

esbra:No teu blogue falas da túa relación cos movementos de renovación pedagóxica, por que decidiches ser mestre e apostar por esa renovación?

Xabier:Eu fun mestre un pouco por accidente, pero depois gustoume selo. Quixen tamén facer este hoficio con honradez e dignidade.

esbra:Volvendo ao teu labor como literato por que decidiches facer na maior parte dos casos literatura infantil e xuvenil consideralo un público máis difícil ou máis fácil?

Xabier:Non é máis fácil nin máis difícil. Eu, coma a maioría dos escritores galegos da miña xeración que escribimos LIX, fixémolo porque eramos conscientes de que o país precisaba unha LIX de calidade en galego. Por outra parte eu tratei de escribir os meus libros para todos os lectores, tendo coidado de que os novos puidesen entender tamén.

esbra:Tamén estiveches ligado ao teatro, que destacarías desta etapa no teu labor como director, como actor, ambas?Continuas facendo algo dentro dete mundo?

Xabier:Eu fun autor mediocre, algo mellor director. Foi unha etapa da miña vida da que gustei moito. Talvez algún día escribirei unha obra de teatro, algún día non lonxano...

esbra:Á radio dedicaches sete anos da túa vida como guionista e director de diversos tipos de programas, abandonaches xa totalmente esta faceta?

Xabier:Non. Na actualidade aínda colaboro cada semana nun programa de Radio Galega no que falo de libros. A radio gústame moito.

esbra:Cal é na túa opinión a maior satisfacción que pode obter unha persoa que está ligada a tantos movementos de promoción da lingua e cultura galega?

Xabier:A miña maior satisfacción sería a de vervos a vós, os mozos e mozas galegos orgullosos da nosa lingua e falándoa arreo. Abandonando prexuízos suicidas e sendo conscientes da nosa riqueza, de que o que sabe galego sabe máis, e abandonar un coñecemento que un ten posibilidades de posuír é de xente de cativa intelixencia.